Tino Fernández ve "caóticas" as medidas de restrición da Xunta para o deporte e pide a paralización das competicións autonómicas federadas

Pontevedra
06 de novembro 2020

O concelleiro de Deportes de Pontevedra criticou duramente este venres as medidas decretadas polo goberno galego en relación ao deporte. "Vemos con preocupación que se sigan a permitir adestramentos en grupo e desprazamentos a competicións", defende o edil, que cre que este tipo de práctica deportiva debería suspenderse "ata que a situación mellore"

Tino Fernández, portavoz do grupo municipal socialista e tenente de alcalde de Pontevedra
Tino Fernández, portavoz do grupo municipal socialista e tenente de alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, criticou duramente este venres as medidas de restrición aprobadas pola Xunta de Galicia en relación á actividade deportiva.

"Somos conscientes de que nos atopamos nun momento excepcional no que compre tomar medidas excepcionais", comezou dicindo o edil para despois asegurar que "non se entenden moi ben algunhas das medidas", cualificándoas de "caóticas".

En concreto Fernández fai referencia ao deporte federado de modalidades deportivas de equipo a nivel autonómico, como poden ser as categorías de base ou algunhas en idade sénior a nivel galego. "Vemos con preocupación que se sigan permitindo adestramentos en grupo e desprazamentos a competicións", defende ante o que entende como un risco de propagar a Covid por zonas menos afectadas.

"Parécenos un absoluto sinsentido que esteamos a pedir prudencia, que esteamos a pechar bares e cafeterías pedindo un esforzo enorme á hostalería e ao mesmo tempo non se tomen medidas máis estritas coas competicións federadas", engadiu o concelleiro pontevedrés sinalando como exemplo que esta próxima fin de semana "están previstos ata 120 desprazamentos" de equipos por toda Galicia, sen que lles afecten as restricións de mobilidade.

Para Fernández esta permisividade supón unha contradición coas restricións para o exercicio físico ao aire libre ou en ximnasios, que só se pode realizar segundo a nova normativa de maneira individual ou con conviventes.

Por ese motivo pediu á Xunta de Galicia a paralización das competicións deportivas autonómicas "ata que a situación mellore", ademais de articular medidas de compensación económica para entidades privadas como ximnasios nos que "vai haber un peche xeral".

O edil tamén se referiu a preguntas dos xornalistas ás competicións non profesionais de ámbito estatal, aínda que "entendo que neste caso as federacións e o CSD deberían tomar cartas no asunto", xa que "se fóra por este concelleiro todo o deporte federado estaría parado".