Tino Fernández aplaude que a Xunta "admita ao fin que hai que aplicar criterios de prevención e prudencia no deporte"

Pontevedra
19 de xaneiro 2021

O concelleiro de Deportes de Pontevedra considera que a decisión do conselleiro de Sanidade de suspender as competicións federadas de ámbito autonómico "ratifica as que se adoptaron neste Concello"

Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra
Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra / Mónica Patxot

O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, mostrouse este martes satisfeito de que a Xunta de Galicia suspendese as competicións deportivas de ámbito autonómico ao entender que se lle dá "finalmente a razón".

O edil pontevedrés mostrouse remiso e crítico no seu momento con retomar as competicións mentres a situación da pandemia non mellorase, polo que aplaude que o goberno autonómico "admita meses despois que hai que aplicar tamén no ámbito deportivo os criterios xerais de prevención e prudencia que se impoñen para o resto da poboación".

Segundo Fernández, o anuncio do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que obriga aos deportistas federados a rexerse polas mesmas regras que os afeccionados á hora de exercitarse, con adestramentos individuais ou de grupos dun máximo de catro persoas e a suxeición tanto ao toque de queda como ás limitacións de mobilidade, "vén referendar as medidas sanitarias que foi defendendo este Concello desde un primeiro momento".

"O que a Xunta está a recoñecer, xa que queremos pensar que estas decisións adóptanse en base a criterios clínicos e non arbitrarios, é que no mundo do deporte tamén se producen  contagios. E se agora prodúcense, tamén se producían en agosto ou en setembro", critica o concelleiro de Deportes ante as críticas recibidas no seu momento debido á postura adoptada polo goberno local neste ámbito, e na apertura das súas instalacións deportivas.