O equipo feminino do Tenis de Mesa Monteporreiro, campión do grupo 1 de División de Honra, disputará o 30 de maio a fase de ascenso a Superdivisión Feminina. O club pontevedrés, ademais, exercerá de anfitrión co Pavillón Príncipe Felipe como sede do evento.
Así o anunciou o club este venres no Concello cunha rolda de prensa que contou coa presenza de Nando Álvarez, director deportivo e preparador; Anabel Gulías, concelleira de Deportes, Martín Betancor, xogador do primeiro equipo masculino, Judith Cobas, adestradora e xogadora do primeiro equipo feminino; e as xogadoras Mariña García e Emma Álvarez.
"Sodes un dos equipos femininos máis consolidados da cidade" afirmou a edil ao encomiar a gran tempada realizada polo equipo lerezano. De feito, Anabel Gulías falou dunha "xestión responsable, con principios e valores" á hora de referirse ao Tenis de Mesa Monte Porreiro e o seu "esforzo por visibilizar ás mulleres no deporte".
Esta fase de ascenso terá unha peculiaridade que favorece os intereses deportivos do equipo pontevedrés. Nun principio, o formato deste play-off consistía nunha final four no que unicamente o club vencedor lograría o ascenso de categoría.
Con todo, a renuncia doutros clubs a disputar as súas respectivas eliminatorias provoca que o gañador de cada semifinal ascenda de forma directa a Superdivisión Feminina.
Deste xeito, o cadro queda configurado cos seguintes enfrontamentos: Cidade de Narón-CD Nervión TM City (sábado 30 de maio, 17:00); TM Monte Porreiro-San Sebastián de los Reyes (sábado 30 de maio, 17:00). Os dous gañadores terán dereito a unha praza na máxima categoría nacional.
O director deportivo e preparador, Nando Álvarez, puxo en valor a tempada do equipo ao explicar que "fai nada pelexabamos polos últimos postos, por manternos na categoría nas últimas xornadas e sempre sufrindo".
"Agora loitamos por cousas marabillosas como é unha fase de ascenso por segunda vez na nosa historia", destacou. As propias xogadoras, Mariña García e Emma Álvarez, aseguraron estar "moi ilusionadas por xogar a fase" xa que "é o premio por quedar primeiras de grupo".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.