Oportunidade perdida para o Tenis de Mesa Monte Porreiro de consolidarse nos postos altos da táboa da Superdivisión Masculina.
O conxunto pontevedrés, nunha apretadísima liga esta tempada, visitaba o TM Alicante na busca dun triunfo que lle tería levado até a segunda posición da clasificación.
Con todo, e aínda que chegou a soñar con remontar e sumar polo menos un empate, acabou caendo derrotado (4-2).
O encontro púxoselle moi costa arriba ao Visit Pontevedra, que cedeu os tres primeiros puntos. André Silva cedeu en cinco fecheiras mangas fronte Shoma Nishihara, e despois Gonçalo Fretias e Martín Betancor perderon de maneira clara.
Só quedaba opción a pelexar as táboas. Para iso André Silva tiña que gañar o local Alberto Lillo, e o fixo en cinco parciais decantando esta vez o duelo ao seu favor.
No seguinte partido Martín Betancor colocaba o momentáneo 3-2 ao superar a Shoma Nishihara, así que todo quedaba para o último choque.
Un encontro decisivo para o Monte Porreiro que tamén se foi a cinco mangas, saíndo a moeda cruz para Gonçalo Fretias fronte a Patryk Zatówka.
Tras esta derrota o Tenis de Mesa Monte Porreiro queda na sétima posición da liga con 13 puntos, aínda que se mantén a só 3 puntos da segunda posición que ocupa o Arteal.
A próxima xornada para o equipo adestrado por Nando Álvarez farase agora de rogar, ao ser momento de afrontar competicións como o Torneo Estatal, o Campionato de España e a Copa do Rei. Por ese motivo a liga de Superdivisión non se retomará ata o 27 de febreiro recibindo na casa o Hortitec Alzira, oitavo clasificado.