Deportivamente está, aos seus 28 anos, nun dos seus mellores momentos.
O Tenis de Mesa Monte Porreiro conta con máis xogadores que nunca en todas as categorías, os que pode chegar a tutelar nas súas instalacións actuais, e a nivel sénior conta cun equipo masculino plenamente consolidado no máximo nivel, a Superdivisión.
Con todo cada vez é máis complicado cubrir orzamentos, e de feito a economía fíxolle renunciar as dúas últimas tempadas a competir en Europa, dereito que gañou.
Por iso o club deportivo pide axuda, e acaba de activar unha campaña de micromecenado coa que busca apoios para chegar sen abafos a final de tempada.
Fíxoo utilizando para iso a Fundación Amare Terra da Xunta de Galicia, o que permitirá ás persoas que se decidan a achegar o seu gran de area beneficiarse de deducións fiscais (as persoas físicas poderán deducir no seu IRPF o 80% dos primeiros 250 euros doados, e o 40% do resto).
O obxectivo inicial é chegar até os 15.000 euros de recadación, pero todo o que cheguen a conseguir por esta vía destinarano a sufragar melloras para a entidade, como as condicións e número de adestradores ou costeando a participación en competicións como a Copa do Rei, o Campionato de España ou, quen sabe, se o seu regreso a Europa.
"Hoxe contamos con 17 equipos, en todos os niveis de competición, desde prebenxamín a veteranos e desde ligas galegas á máxima categoría nacional", explican desde un TM Monte Porreiro consolidado "entre as mellores canteiras de Galicia e España".
Con todo "os gastos que carrexa ter tantos xogadores e equipos en competición nacional e autonómica e o aumento xeral dos custos, fixéronnos renunciar en 2024 e 2025 a participar en Europa, resultándonos moi difícil economicamente finalizar cada tempada", inciden.
Todas as achegas, desde 5 euros á cantidade que se queira doar, poden realizarse a través do portal da Fundación Amare Terra.