Orgullo no Tenis de Mesa Monte Porreiro polo conseguido estes días en Tarragona polos seus xogadores, tanto no Torneo Estatal como no Campionato de España Absoluto.
De feito este mércores o club pontevedrés festexou ao grande a fazaña conseguida por un dos seus xogadores no Nacional.
Miguel Ángel Vílchez proclamouse por primeira vez na súa carreira campión de España individual masculino poñendo a guinda a un sobresaliente torneo cunha final de gran nivel.
Vílchez, peza clave do Visit Pontevedra na Superdivisión as últimas tempadas, impúxose na gran final do Campionato de España a Juan Pérez por catro mangas a unha (11-3, 11-7, 7-11, 11-6, 11-3).
Para chegar ao partido polo ouro, xa superara previamente en cuartos de final a Norbert Tauler e na semifinal a todo un once veces campión nacional absoluto, Carlos Machado, cun triunfo que dá pistas do nivel do logro conseguido.

Este fito, histórico para o Tenis de Mesa Monte Porreiro, únese á mostra de talento da súa base no Torneo Estatal celebrado tamén en Tarragona.
Nesa competición a infantil Jiaqi Guo levou a medalla de ouro e a benjamín India Rosalía Franco foi prata na súa categoría.
Ademais rozaron o podio tanto Martías Betancor (infantil masculino) como Sira Fernández (benxamín feminina), caendo nos cuartos de final.
Tras estas dúas competicións, o Monte Porreiro mira agora cara á Copa do Rei, que disputará nos próximos días co seu equipo absoluto masculino tamén en Tarragona.