O Tenis de Mesa Monte Porreiro puxo fin dunha vez por todas á súa particular vía crucis.
Lastrado polas lesións e problemas físicos dos seus xogadores, o equipo pontevedrés encadeou ata sete xornadas consecutivas sen gañar na Superdivisión Masculina, aínda que tiña xa recuperado o ton con tres empates seguidos.
Agora, ao fin, chegou un triunfo que é sanador, e que unido aos puntos conseguidos a principio de tempada consolidan o equipo na sexta posición da táboa, a última que dá dereito a acceder a competicións europeas.
A vitoria chegou na visita ao pavillón de Príncipe Felipe do Hortitec Alzira (4-2), nun duelo tremendamente disputado.
André Silva deulle o primeiro punto aos locais tras un apertado partido a cinco mangas fronte a Matteo Mutti, e Miguel Ángel Vílchez daba continuidade ao Monte Porreiro poñendo o 2-0 pola vía rápida.
Reaccionaron os visitantes ao non poder Nico Galvano con Tobias Rasmussen, pero André Silva vencía a continuación a José Carlos Guillot deixando o Visit Pontevedra a punto do triunfo.
Restaban dous encontros e, co empate xa asegurado, facía falta gañar un para levar o enfrontamento, aínda que o Alzira non dixera a súa última palabra e colocaba o 3-2 momentáneo.
Todo quedaba para o encontro defitinivo, e aí Miguel Ángel Vílchez deulle ao Monte Porreiro o punto que necesitaba superando en catro mangas a Rasmussen para colocar o 4-2 final.
Co triunfo o Tenis de Mesa Monte Porreiro distánciase en 10 puntos dos postos de descenso e ten na man asegurar a permanencia un ano máis na máxima categoría do tenis de mesa nacional.