Pode saber a pouco por ter tan cerca o triunfo, pero o punto sumado polo Tenis de Mesa Monte Porreiro na xornada 12 da Superdivisión Masculina ten moito valor.
Superada a praga de lesións que afectou os pontevedreses a final de ano, o Visit Pontevedra asinou un empate (3-3) na visita ao pavillón de Príncipe Felipe de Les Borges Vall.
Foi toda unha batalla entre os dous equipos, e é que salvando os dous primeiros puntos, o resto de encontros decidíronse en cinco mangas.
Miguel Ángel Vílchez e André Silva puxeron un 2-0 de saída que puña o enfrontamento de cara para o Monte Porreiro.
Con todo Les Borges reaccionou igualando a contenda coas vitorias de Francesc Carrera sobre Martín Betancor e Norbert Tauler ante André Silva.
Vílchez era capaz de imporse despois a Francesc Carrera nun maratoniano partido, polo que co 3-2 todo quedaba a expensas do último duelo.
Co empate asegurado, Martín Betancor buscou o punto que deixase o triunfo na casa, e empezou dominando nas dúas primeiras mangas contra Joan Masip, aínda que o catalán non tirou a toalla e terminou remontando para certificar o empate final.
Con este resultado o Tenis de Mesa arrinca a segunda volta do campionato na sexta posición con 13 puntos.