Todo a punto para a invasión de case 2.000 gladiadores

Pontevedra
01 de xuño 2018

As estruturas dos diferentes obstáculos que deberán superar os participantes na IV Gladiator Race son xa visibles na Illa das Esculturas. A proba congregará este sábado 2 de xuño a 1.951 deportistas nas súas diferentes categorías

Preparación da IV Gladiator Race na Illa das Esculturas Paula Sanmartín

As 'zamburguesas', os tobogáns cara ao río Lérez ou as ramplas de gran dificultade volven á Illa das Esculturas.

As estruturas necesarias para crear todos estes obstáculos son xa visibles na zona, que acollerá este sábado 2 de xuño a cuarta edición da Gladiator Race de Pontevedra.

Pechada a inscrición serán finalmente 1.951 os valentes que se darán cita na popular proba deportiva nas súas diferentes categorías.

Ás 12:00 horas comezará a actividade na Illa das Esculturas coas carreiras de menores, a Gladiator Kids, na que tomarán parte 296 nenos e nenas, mentres que despois de comer chegará o momento cume coas diferentes quendas das categorías Warrior (11 quilómetros con 30 obstáculos), e Rocket (6 quilómetros e 20 dificultades), desde as 16:00 horas.

A emoción está servida nun evento que se consolidou no calendario deportivo da cidade.