Toni Otero recoñece que o Pontevedra tentou fichar a Bicho e Mohedano: "Pelexouse por eles e non puido ser"

Pontevedra
08 de setembro 2021

O director deportivo do Pontevedra Club de Fútbol compareceu este mércores en rolda de prensa para valorar o peche do mercado de fichaxes e a tempada que acaba de comezar. "Estou moi contento co plantel", asegura sobre un grupo de xogadores que "teñen que cumprir dabondo cos obxectivos"

Rolda de prensa de Toni Otero no Estadio Municipal de Pasarón
Rolda de prensa de Toni Otero no Estadio Municipal de Pasarón / Cristina Saiz

O director deportivo do Pontevedra Club de Fútbol, Toni Otero, compareceu este mércores en rolda de prensa para valorar o recente mercado de fichaxes e a tempada recentemente iniciada pola entidade granate.

O responsable da planificación deportiva defendeu estar "moi contento co plantel" que se confeccionou, ao que cualificou de "compensado, con experiencia e mocidade, con pernas, con xogo aéreo, con fútbol... Creo que é un plantel para esta competición que ten que cumprir dabondo cos obxectivos", explicou sen esconder que esa meta segue sendo o ascenso de categoría.

Do mesmo xeito que a gran maioría de clubs, o Pontevedra debeu reaxustar á baixa o seu orzamento. "O covid fixo que os planteis custen aproximadamente un 30% menos do que custaban", explicou Otero encomiando o "esforzo enorme" realizado polo club. Esa circunstancia con todo fixo que algúns dos obxectivos que se plantexaron desde os despachos non se chegasen a materializar.

En especial o director deportivo revelou dous nomes, ambos os dous centrocampistas. "Non pasa nada por dicilo, foron Bicho e Mohedano", sinalou en  refencia ao ex-xogador da SD Compostela, que asinou finalmente polo San Fernando da Primeira RFEF, e a Andrés García Mohedano, madrileño con pasado no Mirandés, Andorra ou Numancia e que se comprometeu finalmente pola UD Melilla.

"Espiña cravada non, pero simplemente con sinceridade dise que se pelexou por eles e non puido ser. Ao final o míster foi algo que pediu, pelexouse garántocho ata o final pero os mozos decidiron outras cousas con moito máis diñeiro loxicamente por medio", relatou.

A nivel máis xeral Toni Otero mostrouse satisfeito de cumprir os obxectivos marcados á súa chegada, como tentar "rexuvenecer o plantel, darlle un espírito máis da casa e galego ao equipo e apostar pola canteira". Así o entende cun equipo que conta con 21 fichas cubertas e 4 xogadores máis en dinámica do primeiro plantel como Iñaki, Valentín, Jacobo e Fabio. Ademais tomáronse certas decisións estruturais a nivel de canteira como "tentar xogar todos dunha mesma maneira, unha serie de obxectivos e aspectos que fagan que o xogador cando chegue ao primeiro equipo xa veña con dinámicas parecidas ou similares".

Na súa comparecencia Otero valorou tamén a última incorporación, de Yelko Pino, anunciada o domingo tras o choque fronte ao Compostela. Trátase de "unha aposta persoal", defendeu sobre un xogador ao que "coñezo moi ben" e ao que "por circunstancias o fútbol non lle foi todo o ben, creo eu, que dentro ten". Con todo "vén enchufado, ten moito fútbol por dar e oxalá sexa capaz de sacar o rendemento que el ten", afirmou o director deportivo granate.