Toni Otero, sobre a final contra o Ceuta: "Non se nos pasa pola cabeza perder"

Pontevedra
24 de febreiro 2023

O Pontevedra recibe este domingo ás 12 horas a visita do Ceuta nun refacho de tres vitorias consecutivas, nun duelo directo pola permanencia e por fuxir último posto da táboa

Toni Otero durante un adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Toni Otero durante un adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

O Pontevedra inicia este domingo, en Pasarón ás 12 horas, a primeira dunha serie de tres partidos "vitais" na carreira pola permanencia en Primeira Federación. O Ceuta, pechacancelas pero inmerso nun refacho de tres vitorias consecutivas, será o primeiro rival e no vestiario granate "non se nos pasa pola cabeza perder", declarou Toni Otero, adestrador do Pontevedra, na rolda de prensa previa ao partido.

Con todo, o conxunto de Pasarón segue lastrado por unha praga de lesións que parece non ter fin. "Aos poucos van saíndo de estar mal, pero perdemos a outros", lamentou unha vez máis o preparador, que non poderá contar para este partido co sancionado Yelko Pino, nin cos lesionados Samu Araújo, Derik, Rufo e Gonzalo Bueno.

A última fichaxe lesionouse nun adestramento desta semana e a súa posta a punto freouse, Derik arrastra problemas musculares tras unha desafortunada acción na Malata, Rufo afronta a fase final da súa recuperación pero aínda non está dispoñible e Samu Araújo non poderá xogar no que queda de tempada.

Pola contra, Ángel Bastos xa está integrado na dinámica do grupo, Brais e Rubio xa poderán disputar algúns minutos, así como Seoane e Charles, que poderán estar ao dispor do técnico. 

Sobre o rival do domingo, Toni Otero destacou a súa transformación con respecto ao partido da primeira volta. "O Ceuta é distinto ao que nos atopamos na primeira volta. Teñen un refacho moi positivo, pero esta é a nosa casa e é un partido vital para nós. O teñen que notar desde o primeiro momento", declara Otero marcando territorio.

O Ceuta de agora, que suma seis partidos sen perder, é un bloque "máis agresivo, que non xogan tan combinativo e xoga máis directo", detalla o preparador. A nivel anímico tamén chegan reforzados e coa motivación de disputar "un partido definitivo e nós temos que entender iso tamén, é un partido vital".

Cansouse de repetir Toni Otero que o do domingo é un partido "importantísimo" pero foxe do cualificativo de final porque quedan 13 xornadas. Aínda así, é consciente de que o gañador do duelo sairá "cun subidón incrible", mentres que o perdedor estará "afogado". 

Un factor decisivo será o apoio da bancada. "Desexo que haxa unha boa entrada, pero é pola mañá e non sei como responderá a xente. O club está a tentar transmitir a importancia que teñen estes partidos para que vaiamos apoiar ao equipo. Os rapaces están nun momento difícil, necesitan agarimo e a bancada sempre llo dá", agradece o adestrador vigués.

Pola contra, o campo segue sen estar nas mellores condicións e Otero xa non oculta o seu malestar. "O xardín de momento está ben", dixo para criticar a prohibición por parte do club para realizar adestramentos sobre un céspede que aos poucos vai lucindo unha mellor imaxe.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora