O Pontevedra destitúe a Toni Otero

Pontevedra
27 de febreiro 2023

O club informou esta mañá de luns do cesamento do técnico en todas as súas funcións sen comunicar quen será o seu substituto. A contundente derrota en Pasarón contra o Ceuta foi definitiva nesta decisión por parte da dirección do club granate

Toni Otero dirixe un adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Toni Otero dirixe un adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Toni Otero xa non forma parte do Pontevedra. A través dun breve comunicado, o club granate informou da destitución do xa exentrenador tras a dura derrota do pasado domingo fronte ao Ceuta.

"O Pontevedra Club de Fútbol informa que Toni Otero deixa de exercer desde hoxe as súas funcións na entidade. Agradecemos o seu traballo e desexámoslle a mellor das sortes nos seus proxectos futuros", recolle o texto pubicado na súa web oficial e redes sociais.

Toni Otero vivía a súa segunda tempada en Pasarón. Foi nomeado hai dous veráns director deportivo da entidade e confeccionou o plantel que subiu a Primeira Federación. Con todo, este ano o equipo non rendeu como se esperaba e súa foi a decisión de prescindir de Antonio Fernández para ocupar o seu posto no banco.

Como adestrador, dirixiu ao primeiro equipo en seis partidos nos que só foi capaz de sumar unha vitoria e un empate. Sumido nunha profunda crise de lesións, Toni Otero foi incapaz de facer mellorar a un equipo que este domingo fronte ao Ceuta tocou fondo.

Afundido no fondo da táboa, o club debe decidir agora quen ocupa o posto de Toni Otero ata final de tempada, algo que por agora aínda non decidiron.