O autor dun dos goles máis lembrados da historia do fútbol español será a partir deste martes o adestrador do Pontevedra. Juan Antonio Señor é o elixido pola directiva granate para coller as rendas do primeiro equipo tras a destitución de Toni Otero.
O técnico regresa aos bancos despois de 19 anos afastado dos terreos de xogo. O último equipo ao que dirixiu foi o CD Logroñés na tempada 2003/2004, aínda que abandonou o cargo na terceira xornada de liga. Antes adestrara ao Cartagonova en Segunda B e ao Mérida e Salamanca en Segunda. En ningún deles completou unha tempada completa.
O novo preparador, que en principio chega sen corpo técnico propio, firma ata final de tempada coa condición de renovar automaticamente se o equipo se salva.
A presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, foi a encargada de anunciar a nova fichaxe nunha rolda de prensa convocada esta tarde de luns en Pasarón. "Tiña moitas ganas de adestrar o Pontevedra hai moito tempo. Apostou por vir ao Pontevedra con moitísima ilusion", declarou a mandataria, destacando a súa experiencia na "alta competición e no mundo do fútbol". Así mesmo, puntualizou Murillo que "non teño claro se estamos a chegar tarde, pero non podiamos esperar máis".
"Ten que vir alguén que sexa capaz de sacarlle ese medo, bloqueo ou falta de confianza aos xogadores. Unha persoa que sexa capaz de convencelos de que non son tan malos como a clasificación di", explicou.
Tamén tivo tempo para a autocrítica. "Algo estamos a facer mal coa preparación física, hai moito que cambiar neste momento", dixo en referencia á praga de lesións que arrasa o vestiario.
O primeiro cambio, á marxe do novo adestrador, será que o primeiro equipo pasará a adestrar toda a semana en dobre sesión.
Ademais avecíñanse novos cambios. "Aplicaremos máis medios á estrutura da direccion deportiva e menos aos xogadores", dixo antes de anunciar que Charles pasará formar parte da parcela técnica a próxima tempada. "Ampliaremos a parcela deportiva", remarcou.
Doutra banda, a destitución de Toni Otero conleva tamén a marcha do preparador Jony Chavanel, o axudante que chegou do Vilalonga tras o nomeamento de Otero.