Toño Calvo: "Mirar a clasificación é un erro, pode que sexa o noso maior rival"

Pontevedra
24 de xaneiro 2024

O centrocampista compareceu este mércores en rolda de prensa para analizar a actualidade do equipo granate. Asegura, a pesar dos seus poucos minutos en liga, que "estou moi contento en Pontevedra" e defende o seu papel porque "saír do banco e sumar é moi importante para o equipo"

Toño Calvo, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Toño Calvo, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Cristina Saiz

É un dos xogadores que non está a ter especial protagonismo esta tempada no Pontevedra Club de Fútbol, polo menos non todo o que podía esperar tras a súa fichaxe, pero Toño Calvo sente igualmente importante no club granate.

"Saír do banco e sumar é moi importante para o equipo. Ter xogadores que somen e acheguen desde o banco é algo fundamental para conseguir os obxectivos. É algo que me paosu poucas veces e estame facendo crecer", asegurou este mércores en rolda de prensa.

Tanto é así que, afirma, non se plantexou saír no mercado de inverno porque "estou moi contento en Pontevedra, son consciente da situación do equipo e do nivel que están a dar os meus compañeiros".

"Ao final cando firmas un contrato ninguén che promete que vaias xogar de titular nin moito menos, é algo que hai que gañarse no día a día e a mellor forma de gañarllo é adestrando e sobre todo dando competencia aos compañeiros que agora mesmo están a xogar", completou Calvo.

No que respecta a a situación do equipo, líder tras a última xornada, "temos que ter os pés no chan", defende afirmando que "mirar a clasificación é un erro, pode que sexa o noso maior rival" ata o final de tempada.

Será así empezando por un duelo en Langreo onde agarda un "partido moi difícil. O Langreo ten un plantel moi completo, encima creo que non perdeu na casa no que levamos de tempada e sinceramente creo que vai ser unha saída moi dura".

Un encontro que se disputará aínda por riba en céspede sintético aínda que "o campo de herba artificial non é un hándicap, adestramos nun campo de herba artificial e non pode ser unha escusa".