Primeiras medallas para a armada pontevedresa no Campionato do Mundo de Piragüismo Maratón que deu comezo este xoves en Vejen, Dinamarca.
O inicio non puido ser máis positivo, e é que Tono Campos (Breogán do Grove) ampliou o seu xa extenso palmarés na canoa maratón na proba individual curta dos mundiais.
Campos levou a medalla de ouro ao completar o percorrido (tres voltas ao circuíto e dous porteos) cun tempo de 16:34.89, superando por menos de 10 segundos o polaco Mateusz Zuchora (16:44.55). Terceiro pechando o podio foi o tamén polaco Mateusz Borgiel (16:51.98).
Na mesma proba Diego Romero (Breogán) finalizou no quinto lugar.
O flamante campión mundial pode aínda ampliar o seu botín en Dinamarca na proba longa de C-1 e tamén no C-2, no que aspiran a repetir a medalla de ouro da pasada edición.