Do mal o menos. A lesión sufrida polo porteiro do Cisne, Toño Lafuente, no partido fronte ao Atlético Valladolid quedou en rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo. Así o confirmou o resultado da resonancia magnética á que foi sometido o porteiro nesta mesma semana, despois de quince longos e interminables días de espera.
Aínda que tamén ten lixeiramente afectado o menisco, o dano nesa zona non é grave, o que acurta o período de baixa e recuperación que, en todo caso, fai que para el termine unha tempada que Toño tomouse como a da súa despedida da competición, alcanzando a cota máis alta da súa carreira deportiva, co ascenso do Cisne a División de Honra Prata, no que foi peza fundamental.
Toño Lafuente pasará polo quirófano probablemente neste mesmo mes de novembro. Logo deberá afrontar unha etapa de recuperación estimada nuns tres meses, para poder facer vida normal, aínda que para volver ás pistas terá que pasar bastante máis tempo, ademais de tomar a decisión de se quere tentar manterse en activo como xogador unha tempada máis e facer o que a desafortunada lesión impediulle: gozar cos seus compañeiros do Cisne dunha tempada histórica para o club branco.