'Tormenta' de xadrez na Praza de España

Pontevedra
26 de maio 2017

Escolares de catro centros educativos participaron este venres nunha nova edición do Xadrez na Rúa organizado pola Escoa Xadrez Pontevedra na Praza de España

Xadrez na Rúa 2017 Mónica Patxot

Nin a choiva que, por momentos, amenzaba tormentosa desde os nuboeiros que este venres cobren o ceo pontevedrés, puido impedir a celebración dunha nova edición do Xadrez na Rúa.

O festival escolar organizado pola Escola Xadrez Pontevedra congregou durante a mañá deste venres a centos de escolares nunha xornada ideada para a promoción deste deporte.

Alumnos de Primaria de CEP Campolongo, CEIP Vidal Portela, CEIP Xunqueira II e Colexio San Xosé, centros que apostan esta actividade nas súas aulas, gozaron durante dúas horas xogando partidas con nenos doutros colexios.

A actividade na carpa instalada pola Escola Xadrez Pontevedra inclúe tamén unha serie de obradoiros para todos os públicos durante a tarde do venres como preludio do VIII Torneo Pontexadrez, torneo ao aire libre incluído dentro do Circuíto Galego Escolar e que se disputará este sábado 27 de maio.