O X Torneo EncestaRías de baloncesto, motivo de "orgullo"

Pontevedra
17 de setembro 2025

A décima edición do torneo, que se celebrará os días 19 e 20 de setembro en Pontevedra coa presenza de Baskonia, Valencia Basket, Real Madrid e Breogán, foi presentada oficialmente

Presentación do X Torneo EncestaRías de baloncesto

"Se nos din hai dez anos con que cartel soñabamos seguramente sería este".

Son palabras de Iván Villar, alma máter xunto a Diego Doval do Torneo EncestaRías de baloncesto qua terriza esta fin de semana, e por terceiro ano consecutivo, en Pontevedra.

A décima edición do torneo, que este mércores foi presentada de maneira oficial, reunirá este venres 19 e sábado 20 de setembro no Pavillón Municipal dos Deportes a equipos como o Real Madrid, o Baskonia, o Valencia Basket e o Breogán.

"É un orgullo contar con estes equipos de tanto nivel, tres de Euroliga xunto ao máximo representante galego", afirmou Diego Doval nun acto conducido polo actor Pepo Suevos e no que se develó ao padriño da presente edición, David Amor.

Xunto a eles atopábanse tamén representantes institucionais como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez.

O X Torneo EncestaRías arrincará o venres 19 de setembro cunhas apaixonantes semifinais entre Baskonia e Valencia Basket (18.45 horas) por unha banda e polo outro entre Real Madrid e Breogán (21.15 horas).

Os gañadores de ambos os dous duelos mediranse na final prevista para o sábado ás 20.30 horas, co terceiro e cuarto posto fixado antes, ás 18.00 horas.

Os abonos e entradas para todos os partidos do torneo poden aínda adquirirse na plataforma Ataquilla, e en formato físico nas tendas Mobu de Vilagarcía e Goleada e Socel en Pontevedra.