O Pavillón Municipal de Pontevedra acollerá os días 20 e 21 de xaneiro a segunda edición do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de balonmán.
O campionato, organizado polo Concello de Pontevedra en colaboración co Cisne, contará coa participación do equipo pontevedrés, así como do BM Torrelagega, tamén de liga Asobal; e dos equipos da primeira división portuguesa Braga e Aguas Santas, que este ano participa na Copa EHF.
"Demos un salto de calidade para este segundo torneo, son equipos moi atractivos", defendeu o presidente do conxunto branco, Santi Picallo, na presentación do evento, que se celebrará na tarde do venres e o sábado con acceso gratuíto para todos os espectadores.
No plano meramente deportivo, no vestiario lerezano esperan que esta competición sirva para "recuperar ton físico e integrar aos dous novos xogadores", explicou o adestrador Javier Márquez, quen non poderá contar cos mundialistas *Álex Chan nin Gualther Furtado.
"Pontevedra é unha cidade que respira deporte os 365 días do ano e o balonmán é case unha relixión", destacou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, animando a que "a xente se anime a asistir porque non hai mellor plan deportivo para este venres e sábado".