Traducir en puntos as súas boas sensacións, obxectivo do Teucro ante o Puerto Sagunto

Pontevedra
06 de outubro 2017

Segunda xornada consecutiva do Condes de Albarei Teucro na casa, volvendo ao seu horario habitual das 20:30 horas no Pavillón Municipal dos Deportes. Andrés Moyano regresa a unha convocatoria na que segue sendo baixa por lesión Óscar Silva

Adestramento da SD Teucro 2017-2018 no Municipal
Adestramento da SD Teucro 2017-2018 no Municipal / Mónica Patxot

Despois de dúas xornadas nas que rozou a sorpresa ante equipos que xogan competición europea como Anaitasuna e Granollers, o Condes de Albarei Teucro quere volver sumar puntos na Liga Asobal coa visita do Puerto Sagunto ao Pavillón Municipal dos Deportes (sábado, 20:30 horas).

Será a segunda jornda consecutiva que os azuis xogarán ante o seu público, nesta ocasión ante un equipo que suma polo momento dous puntos tras un inicio irregular.

A pesar diso non se fían os teucristas e tampouco un Quique Domínguez que ten claro que "Puerto Sagunto tiene una señora plantilla, con jugadores muy  experimentados", recoñeceu o técnico.

"Prefiero jugar un poquito peor y tener dos puntos más al terminar el partido", sinalou á súa vez o xogador Iván Fernández na rolda de prensa previa ao choque.

O Teucro recupera para a cita ao arxentino Andrés Moyano, tras dúas semanas fóra ao estar no seu país solucionando asuntos burocráticos, pero segue sen poder contar con Óscar Silva, que "no acaba de mejorar del hombro", explicou Quique Domínguez. Ademais entra na fase final da súa recuperación Johnny Medina, que en todo caso continúa de baixa.

Pola súa banda o adestrador visitante, Nikola Milos, contará coa ausencia de Alfredo Sorrentino, pero poderá contar coa recente fichaxe do club, o lateral francés Johan Boisedu.

Os colexiados do encontro serán Escoda Pérez e Sánchez Bordetas, da delegación territorial catalá.