A Real Federación Española de Natación (RFEN) incluíu á Travesía a Nado Río Lérez dentro da Copa de España de Augas Abertas 2025, rebautizada como Travesía do Lérez - Cidade de Pontevedra.
Así llo confirmou ao Club Natación Galaico, organizador dunha proba que vivirá a súa terceira edición dando o salto ao calendario nacional dentro dos seus ambiciosos obxectivos.
Hai que lembrar que o pasado verán, durante a presentación do evento, os seus responsables recoñeceron que "o noso soño é facer unha proba internacional" nun futuro non moi afastado.
Por ese motivo saltar á Copa de España da especialidade era un paso obrigado, aínda que tamén seguirá formando parte do circuíto galego.
A súa terceira edición foi fixada no calendario para o sábado 26 de xullo, sendo a 12ª etapa da Copa de España cun percorrido de 5.000 metros con saída e chegada na praia fluvial do río Lérez.
"Ampliaremos o circuíto de 1.250 a 2.500 metros realizando 2 voltas para completar os 5.000 metros da proba", explica o presidente do CN Galaico, Alberto Castro.
"Será un test para que a RFEN mire cara a Pontevedra e considere solicitar un evento internacional como os que aquí estamos moi afeitos organizar", afirma o máximo representante do club pontevedrés.
Nese aspecto Alberto Castro apunta alto, cara a "unha Copa de Europa, ou porque non, un Mundial por seleccións". Toda unha declaración de intencións.