Tres embarcacións con ADN pontevedrés triunfan na segunda xornada do selectivo júnior e sub-23 de piragüismo

Pontevedra
21 de maio 2021

O encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, foi escenario este venres da segunda xornada do selectivo para conformar a selección nacional que participará no próximos Europeo e Mundial das  categorúas júnior e  sub-23

Selectivo nacional júnior e sub-23 de piragüismo no Pontillón do Castro
Selectivo nacional júnior e sub-23 de piragüismo no Pontillón do Castro /

O piragüismo pontevedrés estará amplamente representado no Campionato de Europa Júnior e Sub-23 que se disputará en Poznan (Polonia) do 24 ao 27 de xuño e o Campionato do Mundo das mesmas categorías previsto do 3 ao 6 do próximo mes de setembro en Montemor (Portugal).

Aos padexeiros clasificados para estas competicións na primeira xornada do selectivo nacional que se celebrou no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, sumáronse este venres outras tres embarcacións.

Entre elas destaca o segundo triunfo de Antía Otero (EP Ciudad de Pontevedra) e Valeria Oliveira (Piragüismo Poio Pescamar), ao vencer esta vez no  C-2 200 metros da categoría xuvenil, facendo dobrete desta forma coa distancia de 500 metros.

Ademais David Bautista (EP Ciudad de Pontevedra) xunto ao cangués Yoel Becerra (Náutico Rodeira) venceron no C-2 500 metros xuvenil.

Por último tamén no C-2 500 pero en idade sub-23 lograron o seu billete ás próximas competicións internacionais o pontevedrés Pablo Crespo (EP Ciudad de Pontevedra) xunto ao cangués Pablo Graña (Náutico Rodeira).

Tras o selectivo a pista de piragüismo David Cal no Pontillón do Castro será escenario durante a fin de semana da Copa de España Sprint sobre as distancias de 200 e 500 metros.