Tripla medalla para Antía Otero no Europeo Júnior: ouro en C-1 e prata e bronce en C-2 con Valeria Oliveira

Pontevedra
27 de xuño 2021

A marinense Antía Otero (EP Ciudad de Pontevedra) converteuse este domingo na gran protagonista da xornada no Campionato de Europa Júnior e Sub-23 ao colgarse tres medallas. Tamén se subiu ao podio Claudia Couto (EP Ciudad de Pontevedra) no C-1 500 júnior e Pablo Crespo (Ciudad de Pontevedra) e Pablo Graña (Náutico Rodeira) no C-2 500 sub23

Antía Otero e Valeria Oliveira cunha das medallas gañadas no Europeo Júnior en Poznan
Antía Otero e Valeria Oliveira cunha das medallas gañadas no Europeo Júnior en Poznan / Real Federación Española de Piragüismo

O Campionato de Europa Júnior e Sub-23 Sprint de piragüismo que celebrou na cidade polaca de Poznan tivo este domingo como clara protagonista a unha deportista de Marín, Antía Otero.

A padexeira da EP Ciudad de Pontevedra conseguiu na xornada final do campionato tres medallas, unha delas de ouro. O triunfo chegoulle na proba de  C-1 200 metros de categoría júnior, ao superar na final cun tempo de 49.570 á húngara Fanni Seres (50.003) e á rusa Anna Pivovarova (50.286), que completaron o podio.

Foi o gran colofón a unha actuación de quilates, con outros dous podios na canoa dobre facendo equipo con  Valeria Oliveira (Piragüismo Poio  Pescamar). Xuntas conseguiron a medalla de prata no C-2 500 só superadas polas húngaras Laura Gonczol e Reka Opavszky e o bronce no C-2 200 metros.

Unha actuación que redondea unha tempada na que Otero estivo mesmo preto de clasificarse para os Xogos Olímpicos.

Non foron as únicas medallas para o piragüismo pontevedrés en Poznan, e é que Claudia Couto (EP Ciudad de Pontevedra) foi terceira no C-1 500 metros da categoría junior, tras a húngara Agnes Kiss e a rusa Alina Kovaleva, primeira e segunda, mentres que Pablo Crespo (EP Ciudad de Pontevedra) e Pablo Graña (Náutico Rodeira) levaron o bronce no C-2 500 en idade sub-23.

Pola súa banda alcanzaron posto de finalista Carolina García (Ciudad de Pontevedra) no K-4 sub-23, Diego Domínguez (Breogán do Grove) no C-1 1.000 júnior, Noel Domínguez (Breogán) no C-1 sub-23 e Manuel Fontán (O Muíño) e Martín Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) no C-2 1.000 metros sub23.