Tripla medalla de bronce para o Ravachol Pontevedra na festa do bádminton nacional

Pontevedra
13 de maio 2019

O pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe foi escenario esta fin de semana do Campionato de España Absoluto de Bádminton, no que se cumpriron os prognósticos ao vencer dous dos máximos favoritos ao título, Pablo Abián e Clara Azurmendi

Campionato de España Absoluto e Sub-11 de Bádminton
Campionato de España Absoluto e Sub-11 de Bádminton / Diego Torrado

O pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe converteuse durante a fin de semana en toda unha festa do bádminton nacional coa celebración dos Campionatos de España Absoluto e Sub-11.

Pola instalación pontevedresa pasaron os mellores xogadores do ranking, fóra da campioa olímpica Carolina Marín por lesión, na busca de conseguir o título nacional.

Esa honra recaeu en dúas das raquetas que chegaban como máximos favoritos nas categorías nacionais. Por unha banda o aragonés Pablo Abián conseguiu a súa 12ª coroa no Campionato de España ao superar na gran final a Enrique  Peñalver (21-10 e 21-11), mentres que na categoría feminina Clara Azurmendi levou a medalla de ouro gañando no partido polo título a Sara Peñalver, retirada por problemas físicos.

A festa foi completa ademais para o club organizador, o Ravachol Pontevedra, porque ao bo ambiente nas bancadas sumou a consecución de tres medallas de bronce, as de Manu Brea e Álex Nogueira no dobres masculino e a de Raquel Miguens no dobres feminino facendo parella con Nelly Iriberri.

Os títulos de campións de España en dobres foron a parar a Javier e Pablo Abián na categoría masculina, con dobrete por tanto para o vencedor individual, Haidee Ojeda e Laura Molina no dobres feminino e Lorena Usle e Alberto Zapico no dobres mixto.

Durante os tres días do campionato foron 75 clubs de quince comunidades autónomas e 200 deportistas os participantes no evento, contando tamén coa categoría Sub-11, disputándose en total preto de 600 partidos.