Están aínda en idade xuvenil, pero demostraron na primeira proba da Copa do Mundo de Piragüismo que van en serio nunha modalidade que se estrea no ciclo olímpico de Tokyo 2020, o C-2 500 feminino.
María Pérez (Náutico O Muíño) e Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra), colgáronse a medalla de prata na categoría absoluta na proba da Copa do Mundo celebrada o pasado fin de semana en Montemor Ou Velho, Portugal.
Só foron superadas polas húngaras Virág Balla e Kincson Takács. Conseguiron ese resultado ademais tras participar, unha hora antes, na final do C-1 200, onde Antía foi oitava e María Pérez novena.
A outra medalla pontevedresa na Copa do Mundo foi a de Álex Bernárdez (Piragüismo Poio Pescamar) na mesma distancia, o C-2 500 que en categoría masculina non é distancia olímpica.
O canoísta do Poio foi terceiro xunto ao seu compañeiro Hugo Pedrero nun axustado final que deixou unha diferenza entre os tres primeiros clasificados de 468 milésimas. De feito, rozaron a medalla de prata que levou a tripulación alemá, na que competía o dobre campión olímpico Sebastian Brendel.
Bernárdez competiu tamén na final do C-1 200, finalizando no sexto posto.