Triplo reforzo internacional do Farto pensando no calendario profesional

Pontevedra
07 de maio 2024

O equipo ciclista pontevedrés anunciou a incorporación ás súas filas da canadense Isabella Bertold, a mexicana Andrea Martínez e a australiana Odette Lynch

Andrea Martínez, nova ciclista do Team Farto-BTC
Andrea Martínez, nova ciclista do Team Farto-BTC / Team Farto-BTC

O Team Farto-BTC prepárase para volver á acción tras máis dun mes de parón participando a partir do martes día 14 de maio na clásica internacional UCI Durango-Durango Emakuumen Saria, no País Vasco.

É o inicio dun calendario con varias carreiras profesionais para as que o equipo pontevedrés reforzou a súa estrutura.

De feito o Farto anunciou ata tres novas incorporacións internacionais, coa canadense Isabella Bertold, a mexicana Andrea Martínez e a australiana Odette Lynch.

Especialmente Bertold (nada en 1991) é unha ciclista de gran experiencia ao ter defendido varios equipos UCI ao longo da súa carreira. Procede do equipo norteamericano Instafund e comprométese coas pontevedresas ata final de curso. Andrea Martínez (1994) pola súa banda correu en escuadras europeas como o Girondis de Bordeus, a GSC Blagnac e o Duolar belga. Ambas as dúas corredoras, sinala o Farto, contan cun perfil escalador e contrarrelojista e terán como obxectivo "loitar en escapadas e clasificacións secundarias ante os poderosos equipos World Tour".

Por último Odette Lynch (2002), cun perfil rodador e de velocista, é unha xoven australiana que debutará no pelotón europeo co Farto-BTC.

"Necesitabamos reforzar o equipo para este tipo de probas. Temos tres baixas de longa duración no equipo que nos obrigaron a levar ás máis novas a moitas carreiras e de moito nivel, cando terían que estar máis centradas en correr as Copas de España. Con estes reforzos poderemos darlle un programa competitivo adecuado a todas as ciclistas do equipo", explicou o director deportivo do equipo, Brais Dacal.

As tres ciclistas xa formarán parte da aliñación do Farto en Durango.