Triunfo en Arnedo para Lucía Vázquez e liderado no Superprestigio MTB

Vilaboa
19 de abril 2016

A ciclista de Vilaboa vestiu de amarelo nesta cita tras gañar a principios deste mes en Arguedas e volveu dominar con claridade

Lucía Vázquez, nunha competición recente Lucía Vázquez

Lucía Vázquez repetiu triunfo no Superprestigio MTB, tras o logrado na primeira proba do campionato en Arguedas, e consolídase no liderado da clasificación xeral.

A ciclista de Vilaboa non tivo rival no XCO Internacional Ciudad de Arnedo sumando na Rioxa a súa segunda vitoria da tempada nunha proba que ademais lle permite escalar postos no ránking UCI.

Varias corredoras sub 23 protagonizaron unha notable posta en escena e marcaron o ritmo nos instantes iniciais. Unha vez completada a primeira volta, Vázquez asumiu o mando e marchou en solitario establecendo unha vantaxe en torno ao medio minuto respecto da súa inmediata perseguidora, Olatz Odriozola.

"Tentei manter unha vantaxe cómoda sobre a segunda, controlando a mecánica e non caerme", apuntou a biker pontevedresa, que a pesar da vitoria non acabou de sentirse a gusto: "Non me dei adaptado ben ao circuíto", apuntou.

Lucía cruzou a meta cun tempo de 1 hora, 23 minutos e 27 segundos, con 38 segundos de vantaxe sobre Odriozola e case dous minutos sobre Sara Gay.

A seguinte cita de Vázquez será a Copa Catalana Internacional o vindeiro domingo 24 de abril en Barcelona.