Última gran cita da tempada para a Gimnástica

Pontevedra
31 de xullo 2015

O club pontevedrés afronta o Campeonatp de España Absoluto en Castelló, cita á que se desprazan 11 dos seus ateltas

Equipo da Gimnástica na segunda xornada da División de Honra en Castellón
Equipo da Gimnástica na segunda xornada da División de Honra en Castellón / Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica afronta con optimismo en Castelló o Campionato de España Absoluto de Atletismo co obxectivo de repetir as dúas medallas de hai un ano.

É a última gran cita da tempada e o club pontevedrés acudirá a ela con 11 atletas, tras conseguir as marcas mínimas esixidas pola Federación Española.

Conta con opcións de podio Lysvanys Pérez en salto de altura. Este ano saltou 2,15 metros e se supera os 2,17 podería conseguir medalla. Acompáñalle nesta disciplina Manuel Molinos, que acredita 2,09 este ano.

Tamén deberá mellorar as súas marcas desta tempada Víctor Gallego en disco para chegar aos 56 metros nos que se estima a loita polo podio. Ademais competirá tamén no lanzamento de peso.

Pola súa banda Ignacio Sarmiento, bronce en 2014 en 400 valos, intentará repetir xesta. Chega á cita coa quinta mellor marca dos participantes con 51.30 segundos.

Completa as opcións de medalla Julián Ortiz nos 110 valos, mentres o resto do equipo o compoñen Alberto Guerrero (800 metros), David Martínez (1.500), Gonzalo Sánchez-Camacho (100 metros), Eduardo Gallardo (400 metros), Rocío Rodríguez (1.500 metros) e o relevo masculino de 4x400 (Eduardo Gallardo, Ignacio Sarmiento, Darío Costas e Alberto Guerrero).

A competición celebrarase durante dúas xornadas, o sábado 1 e o domingo 2 de agosto.