Últimas horas para inscribirse na Milla Solidaria Anedia do próximo domingo

Pontevedra
07 de novembro 2022

A inscrición é gratuíta e debe realizarse a través da páxina web de Carreiras Galegas ata este martes 8 de novembro

As dúas últimas edicións da Milla Solidaria Anedia celebráronse no CGTD pola pandemia da Covid-19 Cristina Saiz

O prazo de inscrición para participar na novena edición da Milla Solidaria de Anedia, que terá lugar en Pontevedra o día 13 de novembro, atópase xa aberto.

Esta cita deportiva, de carácter inclusivo e non competitivo, inclúe modalidades para todos os públicos. Haberá unha carreira para corredores federados, unha proba popular e unha andaina pensada para todos os públicos. 

Este evento solidario coas persoas con diabetes ten confirmada xa a presenza de profesionais da medicina como os membros do Colexio Oficial de Dietistas Nutricionistas de Galicia, do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia e do Colexio Oficial de Titulados en Educación Física. Unha lista de saída que non deixa de crecer.

Os interesados en participar poden facelo de xeito gratuito a través da páxina web Carreiras Galegas ata este martes, 8 de novembro.

O pistoletazo de saída está previsto para as 10.30 horas do próximo domingo coa carreira dos menores de 10 anos. En intervalos de dez minutos irán tomando a saída os participantes nas categorías infantís, mentres que para as 11.50 horas está fixada a saída da proba popular dos 1.600 metros.

A categoría elite iniciará o percorrido ás 12.40 horas e, ao finalizar, chegará a quenda da andaina. Entre as probas popular e de elite, celebraranse tamén unhas carreiras moi vistosas pensadas para menores nados entre o 2015 e o 2022 divididos en dúas categorías, así como unha esixente proba de substitucións deseñada para atletas federados.

Toda a actividade realizarase na contorna do Paseo de Montero Ríos nun circuíto homologados pola Federación Galega de Atletismo.