A praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, acollerá este sábado 4 de xullo o último adestramento previo á III Travesía a nado polo Dano Cerebral, que se celebrará o próximo día 11 no mesmo areal.
Máis dunha vintena de nadadores e nadadoras, con e sen dano cerebral adquirido, participarán nesta xornada acompañados por voluntarios e membros da asociación Arousaman-Arousawoman, que actúan como monitores e persoal de apoio.
A actividade servirá como "ensaio xeral" tras varias semanas de preparación en piscina iniciadas no mes de maio. O obxectivo é que os participantes se familiaricen coas condicións do mar e coa dinámica desta proba.
O adestramento desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 horas e incluirá a proba de neoprenos, unha breve sesión teórica e a posterior entrada á auga para practicar a natación adaptada.
A proba, organizada por Dano Cerebral Galicia en colaboración con Arousaman-Arousawoman, non é competitiva e está aberta a calquera persoa maior de 16 anos, estea ou non federada.
O percorrido será de aproximadamente unha milla náutica, con dúas modalidades: media milla (926 metros) ou unha milla completa (1.852 metros).
As inscricións permanecerán abertas ata o 8 de xullo ás 23.59 horas a través da web polodanocerebral.org, onde tamén se pode colaborar mediante o Dorsal 0.
A participación inclúe camiseta e gorro conmemorativos da proba, toalla de microfibra, avituallamiento na chegada, embarcacións e kaiaks de apoio, ambulancia, seguro de accidentes individual, balizado da proba, guardarropa e vestiarios.