Último esforzo do Teucro antes do parón

Pontevedra
11 de decembro 2015

Sen apenas descanso e reforzados polo seu papel no derbi, os azuis afrontan este sábado (19:00 horas) o último partido do ano e da primeira volta na pista do Bada Huesca

Víctor Rodríguez durante un adestramento do Teucro no Municipal
Víctor Rodríguez durante un adestramento do Teucro no Municipal /

Sen apenas descanso, e reforzados polo seu papel no derbi do pasado mércores ante o Cangas, a Sociedad Deportiva Teucro afronta este sábado (19:00 horas) o seu derradeiro partido do ano.

Faino na pista do sétimo clasificado, un Bada Huesca que acumula sete xornadas sen perder (catro empates e tres triunfos) e que chega ao choque con catro importantes baixas.

Os azuis, despois de superar a dinámica de cinco derrotas, afrontan a cita como unha nova oportunidade para conseguir a ansiada primeira vitoria a domicilio. Para iso será necesario realizar o último esforzo antes do parón da Liga Asobal, que non regresará ata o 6 de febreiro debido ao Campionato de Europa de Seleccións.

Os homes dirixidos por Quique Domínguez esperan non acusar o cansazo da xornada entre semana e sobre todo non mostrar a irregularidade do anterior choque fóra da casa en Zaragoza, onde empezaron ben o partido pero unha baixada de rendemento mediada a primeira metade, coincidindo con dúas exclusións, sacoulles do partido.

Os pontevedreses son conscientes da dificultade de puntuar nunha pista na que só gañou ata o momento o invicto Barcelona, pero non descartan a sorpresa.

Mentres no cadro teucrista as baixas non son un problema, a pesar de que varios xogadores arrastran diversos problemas que esperan deixar atrás no parón, o Huesca debe sobrepoñerse ás ausencias por lesión de Marco Mira, Albert Pujol, Abraham Rochel e Pepe Novelle.

Os árbitros do encontro serán os madrileños Hermoso del Amo e Monjo Ortega.