Remontada incompleta ante o Huesca dun Teucro que segue sen gañar fóra (33-31)

Pontevedra
12 de decembro 2015

Os azuis, tras ir perdendo por seis tantos mediada a segunda parte, puxéronse a un gol a falta dun minuto, pero non lograron culminar a remontada para sumar o seu primeiro triunfo a domicilio da tempada

Partido entre Teucro e Anaitasuna no Municipal
Partido entre Teucro e Anaitasuna no Municipal /

Remar ao contraxeito para terminar morrendo na beira. É o que lle pasou ao Teucro no seu último partido do ano en Huesca (33-31).

Os azuis non se renderon e contaron con opcións ata os dous últimos minutos, aos que chegaron 31-30 tras superar unha desvantaxe de seis tantos mediado o segundo tempo. Con todo os de Quique Domínguez non lograron completar a remontada e vanse ao parón da Liga Asobal sen conseguir gañar fóra da casa.

Como sucedeu entre semana no choque ante o Cangas tras unha boa e igualada primeira metade, na que só no último minuto os locais despegáronse de dous no marcador, os pontevedreses sufriron unha baixada de rendemento no inicio do segundo período.

Foi o momento que aproveitou o Huesca para abrir brecha. Colocouse 20-16 e tras unha tímida reacción teucrista marcou a súa máxima renda (26-20). Foi entón cando os azuis reaccionaron, pero faltoulles tempo.

Tras esta derrota o Teucro chega ao final da primeira volta na décimo terceira praza con 10 puntos, con dous de vantaxe sobre a zona de descenso. 

BADA HUESCA (33): Pejanovic, Cabanas (4, 2p), Doldan (3), Casado (2), Eloy González (1), Muguerza (5), Novelle, Marcelo (2), Nolasco (2), Oier García (4), Diógenes (9, 3p), Escribano (1), Arguillas.

SD TEUCRO (31): Amérigo, Balenciaga (3), Chapela (2), Víctor, Carró (5), Carlos García (10, 5p), Rial (4), Román Pedreira, Dani Hernández (2), Edu Moledo (5), Samu Gómez, Andrés Delgado.

Árbitros: Hermoso del Amo e Monjo Ortega. Excluíron aos locais Diógenes, Cabanas, Eloy González e Escribano e aos visitantes Víctor Rodríguez, Balenciaga, Carró e Dani Hernández (2).

Marcador cada cinco minutos: 3-3, 4-4, 7-6, 9-8, 11-10, 16-14, descanso, 20-16, 22-19, 26-20, 28-22, 29-26, 33-31.

Incidencias: Partido disputado no Palacio dos Deportes de Huesca ante máis de 1.000 espectadores.