O Pontevedra Club de Fútbol viviu este martes un adestramento especial, coa presenza do mellor público posible.
O club granate programou a súa segunda sesión semanal no segundo campo do Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira, coincidindo coa celebración nas inmediacións do Campionato Zonal Escolar de Campo a través que daba inicio ao programa Xogade.
Na xornada deportiva estaban chamados a participar 1.576 escolares de 7 a 15 anos procedentes de 16 centros educativos de Pontevedra, Marín e Poio, polo que moitos deles, entre carreira e carreira, aproveitaron para presenciar as evolucións dos futbolistas.
Con algunha camiseta granate mesmo presente e algún ánimo, especialmente para Charles, os mozos aproveitaron ao máximo a oportunidade.
Toda unha xornada de portas abertas improvisada que encheu de ambiente festivo a sesión e que aínda que dificultou por momentos as explicacións do corpo técnico serviu para achegar ao equipo aos que teñen que ser os seus afeccionados no presente e o futuro.