Un bronce moi caro. O Poio Pescamar perde a Antía que sofre rotura do cruzado do xeonllo esquerdo

Poio
18 de outubro 2018

Antía Pérez, capitá da Sub-18 Feminina de Fútbol sala, sofre rotura do cruzado anterior do xeonllo esquerdo, segundo confirmaron a Real Federación Española de Fútbol. A pivote do Poio Pescamar produciuse a lesión nun lance fortuíto no partido contra Bolivia, no que España conseguiu a medalla de bronce dos Xogos Olímpicos da Mocidade que se disputan en Buenos Aires

Antía Pérez é retirada en padiola tras lesionarse nos Xogos Olímpicos da Mocidade
Antía Pérez é retirada en padiola tras lesionarse nos Xogos Olímpicos da Mocidade

Antía Pérez, capitá da Sub-18 Feminina de Fútbol sala, sofre rotura do cruzado anterior do xeonllo esquerdo, segundo confirmaron a Real Federación Española de Fútbol. A pivote do Poio Pescamar produciuse a lesión nun lance fortuíto no partido contra Bolivia, no que España conseguiu a medalla de bronce dos Xogos Olímpicos da Mocidade que se disputan en Buenos Aires.

A resonancia realizada na mañá deste xoves en Buenos Aires confirmou a grave lesión, que se produciu nun lance fortuíto na segunda parte dese partido polo terceiro e cuarto posto, perseguindo á xogadora de Bolivia María Gálvez.

Antía regresará este venres xunto ao resto da expedición despois de colgarse o bronce dos Xogos Olímpicos da Mocidade. Desde a súa  posición de pivote, é unha das xogadoras con maior progresión das convocadas por Claudia Pons, tanto que antes de lesionarse fixo dous goles na primeira parte e marcoulle catro dunha tacada a Trinidad e Tobago.

Ademais, polo seu carisma e simpatía, foi unha das xogadoras máis queridas polos voluntarios dos Xogos, que lle fixeron un corredor e aplaudiron a rabiar cando a viron rota polas bágoas tras a derrota ante Xapón. A capitá, a pesar das súas fortes dores, non quixo perderse a celebración e a recollida da medalla de bronce no podio, ao que acudiu con muletas.

Xunto a Antía Pérez, regresa tamén a outra xogadora do Poio Pescamar, Carol Agulla, peza importante igualmente nunha selección que rendeu a un notable nivel ata obter ese bronce olímpico.

Coa lesión sufrida, Antía Pérez perderase con case total seguridade todo o que resta de tempada, o que significa unha sensible baixa para o Poio Pescamar, que este domingo renova a competición na Primeira División.