O Poio Pescamar mira ao mercado brasileiro para cubrir a baixa de Antía

Poio
24 de outubro 2018

A grave lesión sufrida por Antía nos Xogos Olímpicos da Mocidade, e que lle terá preto de 7 meses fóra das canchas de xogo, unido aos problemas físicos que atravesa Iria Saeta, fixeron que o club acelerase as xestións para incorporar unha nova xogadora que chegará de Brasil

Antía Pérez é retirada en padiola tras lesionarse nos Xogos Olímpicos da Mocidade
Antía Pérez é retirada en padiola tras lesionarse nos Xogos Olímpicos da Mocidade

A directiva do Poio Pescamar decidiu acudir ao mercado de fichaxes para reforzar un plantel que quedou tocado e curto de efectivos tras a grave lesión sufrida por Antía Pérez nos Xogos Olímpicos da Mocidade e os problemas físicos que atravesa Iria Saeta.

O caso de Antía, cunha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo que lle manterá afastada das canchas de xogo preto de 7 meses, propicia que o club vermello poida incorporar unha xogadora para o seu posto, e para iso fixou as súas miras no mercado brasileiro, tendo en conta que as opcións nacionais son limitadas a estas alturas da tempada.

Desta forma desde o Poio afírmase que desde a directiva e o corpo técnico avanzaron nas negociacións cunha futbolista carioca, á espera de poder obter a documentación necesaria para facer oficial a súa fichaxe.

Antía Perez pola súa banda pasou consulta co Dr. Cota, médico da Real Federación Española de Fútbol, no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez para estudar cando será posible operala e os pasos para seguir na súa recuperación.

En canto a Iria Saeta, recibiu xa a alta médica coa intención de que se vaia incorporando paulatinamente ao equipo.