A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta Galicia reuniu un grupo de expertos para determinar o plan de continxencia polo que se rexerán as competicións tras o parón obrigado pola crise sanitaria do Covid-19, e entre eses expertos atópase un catedrático do campus de Pontevedra.
Trátase de Carlos Lago, catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, para quen se debe asumir "un escenario no que quizais haxa que convivir durante certo tempo co coronavirus".
"Non hai demasiada información sobre como adaptar os deportes para minimizar ou reducir o risco de contaxio", destaca Lago explicando que o punto de partida foi "unha pequena análise do que pasou en países onde aconteceron cousas moi graves, como guerras, terremotos ou epidemias, e, a curto prazo, despois deste tipo de eventos, reduciuse enormemente a práctica deportiva".
Por ese motivo, ante a afectación que podería ter un descenso da práctica deportiva na saúde pública, o catedrático pon de relevo a importancia de manter o exercicio físico.
Carlos Lago é o único representante da Universidade de Vigo neste grupo de expertos composto por xente das tres universidades e responsables da Xunta de Galicia.
As recomendacións e adaptacións para a 'nova normalidade' na práctica deportiva serán agora trasladadas a todas as federacións co obxectivo de que sirva "como unha guía para orientar a volta ao adestramento e á competición nos distintos deportes".
Reducir o risco de contaxio "é relativamente fácil" no deporte profesional, sinala o docente do campus pontevedrés, xa que poden realizarse probas PCR aos deportistas, pero isto é "inviable" no caso do deporte afeccionado, de formación e escolar, no que pon o foco esta guía.
Así, as pautas e recomendacións que reúne articúlanse en torno "a dous aspectos clave a ter en conta para reducir a probabilidade de contaxio" como son o espazo de xogo, e o tempo de duración das actividades, porque seguindo as recomendacións da Organización Mundial para a Saúde "o máis recomendable é que non haxa tarefas cunha duración de máis de 15 minutos".
Este comité articulou o seu traballo en tres grupos: un centrado nos deportes individuais, outro nos de combate e un terceiro nos de equipo, no que o investigador da UVigo centrou o seu labor.
Neste aspecto, entre as recomendacións realizadas e que afectarían as regras do xogo Carlos Lago defende por exemplo, "eliminar o golpeo de cabeza, as disputas de balón polo aire ou os lanzamentos de falta", no caso de fútbol, ou nos adestramentos colectivos evitar tarefas con marcaxe individual, realizar exercicios con superioridade numérica ou sen oposición, ou manter grupos ou parella estables durante toda a sesión. Todas elas son un conxunto de actuacións "moi sinxelas, pero que poden ter un impacto moi importante á hora de reducir os contacios", explicou o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte no Diario da Universidade de Vigo.