Un Cisne que chega "xusto de enerxías" ao último partido de 2023

Pontevedra
15 de decembro 2023

As lesións castigaron o equipo pontevedrés nas últimas semanas, en especial pola baixa do seu gardameta Roney Franzini, que tampouco estará dispoñible este sábado na visita ao Pavillón Municipal dos Deportes (17.30 horas) dun rival directo como o Dólmenes Antequera

Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal
Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal / Mónica Patxot

Último esforzo do ano para o Club Cisne Balonmán na División de Honra Prata, recibindo este sábado 16 de decembro (17.30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes a un rival directo como o Dólmenes Antequera, co que empata a 15 puntos na clasificación.

"É un rival complicadísimo sobre todo este mes que nos caeu algunha lesión", explica o segundo adestrador dos pontevedreses, Quiños, en especial en relación á sensible ausencia do gardameta Roney Franzini, que tamén se perderá este partidos.

"Chegamos xustos de enerxía", recoñece Quiños sobre a situación do plantel, aínda que "querendo pechar o ano facendo un bo partido na casa".

En canto ao rival, o Antequera, "é un equipo con xente veterana, que sabe ao que xoga, un equipo difícil", analiza o técnico destacando a figura de "Nacho Moya, un xogador veterano con moitos anos de experiencia mesmo no estranxeiro e un dos máximos goleadores da categoría, un xogador que é capaz de facer gol con pouco".

Por todo iso "é un equipo que nos vai a levar ata o límite, que vai custar", asegura.