Un derbi entre Cangas e Cisne entre "as ganas e a necesidade de sumar puntos"

Pontevedra
11 de novembro 2022

O pavillón do Gatañal será escenario este sábado (19.00 horas) do primeiro derbi pontevedrés da tempada na Liga Asobal, un encontro importante para ambos para tentar afastarse dos postos de descenso

Partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez Mónica Patxot

O pavillón cangués do Gatañal será escenario este sábado (19.00 horas) do primeiro derbi pontevedrés da tempada na Liga Asobal entre o Frigoríficos do Morrazo e o Club Cisne Balonmán.

Será un encontro importante para ambos os dous para tentar afastarse dos postos de descenso, e é que os do Morrazo con 5 puntos están na zona vermella e os pontevedreses con 6 ao bordo dela. Así o recoñece de feito o segundo adestrador cisneísta, Quiños, asegurando que o duelo está entre "as ganas e a necesidade de sumar puntos".

"É unha cita moi esperada polo que supón para o afeccionado, para o xogador e sobre todo polo que está en xogo", sinala co obxectivo de deixar atrás os últimos malos resultados do equipo, sobre todo esquecer "un partido moi malo con Bidasoa".

Con mellores sensacións, tras vencer na pista de Anaitasuna, chegará un Cangas que "é un equipo que non vai baixar os brazos nunca", avisa Quiños.

Trátase, analiza, dun equipo que "estaba con bos números en ataque pero en defensa estaba a encaixar moito, e nas últimas semanas xa están moito mellor, con Javi Díaz que o está facendo espectacular".-

En definitiva, máis aló do deportivo, será a "festa do balonmán galego", polo que o desexo de todos é que "os xogadores ofrezan un bo espectáculo e que a afección o goce".