Un dobrete de Carol Agulla achega a España á loita polas medallas nos XXOO da Mocidade

Pontevedra
10 de outubro 2018

A futbolista do Poio Pescamar tivo un papel protagonista na vitoria por 6-2 ante Tailandia, a priori o rival máis esixente da fase de grupos. Os teucristas Sergio Pérez e Domingo Luis, camiño á Main Round no balonmán praia, mentres que Elena Andreu pechou a súa participación en bádminton

Carol Agulla nos Xogos Olímpicos da Mocidade
Carol Agulla nos Xogos Olímpicos da Mocidade

A Selección Española Sub-18 de fútbol sala, con dúas xogadoras do Poio  Pescamar nas súas filas como Carol Agulla e Antía Pérez, pon rumbo cara ás medallas nos Xogos Olímpicos da Mocidade que se están celebrando en Bos Aires, Arxentina.

Ambas as dúas futbolistas participaron na segunda vitoria de España na competición, ante Tailandia (6-2), o rival a priori máis esixente da fase de grupos e que as deixa a un paso de meterse na pelexa polo podio.

Carol foi protagonista do encontro da Selección, ao anotar dous dos goles do choque, o 0-3 no minuto 16 e o 0-5 no minuto 25. Foi un duelo no que España ofreceu un gran nivel confirmando a súa candidatura ao título.

Tamén participou ante Tailandia Antía Pérez, unha boa noticia tendo en conta que se retirou con molestias na primeira xornada dos Xogos.

A vitoria coloca ao combinado nacional virtualmente como primeira clasificada de grupo, o que terá que ratificar en dous compromisos teoricamente menores ante Tonga e Trinidad e Tobago.

O BALONMÁN PRAIA, EN CAMIÑO CARA Á SEGUNDA FASE

Empezaron ben as cousas tamén para os dous xogadores da Sociedad Deportiva Teucro nos Xogos Olímpicos da Mocidade, Sergio Pérez e Domingo Luís, que participan na modalidade de balonmán praia.

O equipo español venceu na primeira xornada a Tailandia (2-1) e Uruguai (2-0), mentres que na segunda empatou con Hungría (1-1) e venceu a China Taipei (2-0) poñendo rumbo cara á Main Round.

ELENA ANDREU CONCLÚE A SÚA PARTICIPACIÓN EN BÁDMINTON

A que terminou a súa participación en Buenos Aires é Elena Andreu, xogadora do Club Bádminton Ravachol Pontevedra que non puido avanzar ata os cuartos de final.

Andreu, que perdera no seu debut, sacou a espiña na segunda xornada ao vencer á peruana Fernanda Saponara (21-13 e 21-17), pero no encontro decisivo caeu derrotada ante a estadounidense Jenni Gai (10-21 e 20-21).