Un dos árbitros con maior experiencia en Primeira para o partido de Copa do Rei do Arosa

O Salnés
30 de outubro 2023

O vasco Burgos Bengoetxea, colexiado internacional que afronta este curso a súa novena tempada na máxima categoría, será o encargado de impartir xustiza na eliminatoria de primeira rolda de Copa do Rei entre Arosa e Granada

Ricardo De Burgos Bengoetxea, nun partido entre Las Palmas e Granada
Ricardo De Burgos Bengoetxea, nun partido entre Las Palmas e Granada

Xa se coñece o árbitro encargado de impartir xustiza no partido de primeira rolda de Copa do Rei entre Arosa e Granada, no que o conxunto arlequinado regresará 30 anos despois ao Torneo do K.O.

Trátase dun dos colexiados de maior experiencia en Primeira División, Ricardo De Burgos Bengoetxea.

O vasco, aos seus 37 anos, afronta este curso a súa novena tempada na máxima categoría nacional, e é ademais internacional desde o 1 de xaneiro de 2018. Ademais permaneceu catro campañas na Segunda División.

O partido na Lomba (xoves 2, 19.00 horas) será o seu primeiro choque ademais desde que arbitrase o duelo entre Sevilla e Real Madrid o pasado 21 de outubro e que lle colocou no centro dos faladoiros por unha discutida actuación principalmente por parte do conxunto madrileño, que reclamou un penalti non sinalado e queixouse de dous tantos anulados polo VAR.