Un erro groseiro da mesa condena o Teucro na súa visita ao Zamora (23-22)

Pontevedra
23 de febreiro 2020

Nova derrota para o Teucro que segue afundíndose no abismo despois de ceder na segunda metade un parcial de 7-1 ao Zamora nun partido condicionado pola polémica arbitral nos últimos compases de xogo

Partido entre BM Zamora e Teucro no Pabellón Ángel Nieto
Partido entre BM Zamora e Teucro no Pabellón Ángel Nieto

Nova derrota para o Teucro que segue afundíndose no abismo despois de ceder na segunda metade un parcial de 7-1 ao Zamora nun partido condicionado pola polémica arbitral nos últimos compases de xogo.

O duelo comezou con imprecisións onde ambos os conxuntos tiñan nos seus porteiros aos seus mellores armas interceptando os lanzamentos do rival e situando o marcador en empate a 2 cando se alcanzaba o minuto 13.

A seca goleadora rompérona Andrés Moyano e Christopher para o Teucro, sacando proveito da boa actuación de Edu Salazar que vía como cada ataque do Zamora estrelábase contra el. Os azuis souberon sacar proveito da situación para manterse con ese pequeno colchón de dous goles ata alzanzar o minuto 20 da primeira metade, momento no que os locais empataron o encontro (8-8).

O Teucro respondía cun gol de Samuel Pereiro e o adestrador zamorano pedía tempo morto para sacar proveito dos seguintes ataques e así poñerse de novo por diante no marcador (10-9).

Os azuis volvían empatar por mediación de Marko Dzokic dando paso a 5 minutos onde a imprecisión en lanzamentos e pases por parte de ambas as escuadras impediron que o marcador se movese ata que emerxeu a figura de Samuel Pereiro para volver poñer ao Teucro cunha vantaxe mínima (10-11). Os locais igualaban cando se alcanzaban os últimos compases da primeira metade, pero tres erros nos seus posteriores lanzamentos permitiron a reacción visitante para poñerse cunha importante vantaxe ao chegar ao descanso (11-14).

Despois do intermedio, o Teucro non desaproveitaba o seu primeiro ataque e, grazas a un tanto de Jose Torres, aumentaba unha renda que se mantivo ata o minuto 8 (14-18).

O adestrador local pedía tempo morto para dar coa maneira de atravesar a férrea defensa teucrista que lles impedía alcanzar o obxectivo, así que, aproveitándose dos erros nos lanzamentos do rival e usando os contragolpes e o lanzamento exterior de Pablo Cubillas como mellor arma, ademais da superioridade numérica debido a dúas exclusións seguidas de Samuel Pereiro e Fran Bujalance, lograron impoñerse impuxeron cun parcial de 7-1 que deixou o 21-19 no luminoso.

Christopher enviaba o balón á rede e de novo o colexiado deixaba ao Teucro baixo mínimos con dúas novas exclusións, a primeira de Marko Dzokik e a segunda de Caue Herrera no momento no que se chegaba á recta final do encontro.

Aproveitando a superioridade, o Zamora poñíase con 3 goles de vantaxe (23-20), pero os de Pontevedra reaccionaban con dous tantos seguidos de Moyano cando quedaba un minuto para a conclusión (23-22).

Coa vitoria pendente dun fío e os nervios a flor de pel, a polémica continuou. O Teucro optou pola defensa alta e roubaron o balón ao seu rival dentro do último minuto, pero no momento do contragolpe co balón xa en 6 metros e en disposición de facer o empate, un erro coa mesa concedendo un tempo morto aos locais sen ter a posesión impediu a igualada. Esta decisión provocou unha aireada reacción do banco visitante que concluíu con expulsión do Luís Montes e acrecenta as dúbidas de permanencia como técnico teucrista.

Consulta as estatísticas do Zamora-Teucro na seguinte ligazón.