Un medio maratón unirá Cambados e O Grove na primeira edición do circuíto 'Running Rías Baixas'

O Salnés
09 de maio 2014

A Deputación de Pontevedra presenta un circuíto de carreiras populares, con inscrición de balde, na que tamén se integran a Carreira do Carneiro ao Espeto de Moraña e a Eurocidade 10 de Tui

XVIII Medio Maratón de Pontevedra
XVIII Medio Maratón de Pontevedra / Diego Torrado

A modelo e semellanza da exitosa Vig-Bay, un medio maratón unirá as localidades de Cambados e O Grove o próximo mes de setembro.

Será o espectacular final do primeiro circuíto popular 'Running Rías Baixas' presentado este venres na Deputación dePontevedra.

A data definitiva aínda está por confirmar, pero a intención é convertela nunha proba de referencia na que os participantes percorran os pouco máis de 21 quilómetros por unha paraxe privilexiada, a beiras da ría de Arousa.

Dúas carreiras máis intégranse neste circuíto popular: a Eurocidade 10 de Tui, cun percorrido de 10 quilómetros que unen á localidade galega coa cidade veciña de Valença e que se celebrará o día 8 de xuño; e a Carreira do Carneiro ao Espeto en Moraña, unha cita fixada para o 20 de xullo sobre un percorrido de oito quilómetros.

A inscrición para o primeiro 'Running Rías Baixas' será de balde e poderase realizar a través da páxina web da Deputación (www.depo.es) ou nos concellos implicados.