Un mes máis de prazo para culminar a reposición do céspede artificial dun dos campos da Xunqueira

Pontevedra
01 de febreiro 2022

O Concello concede 30 días máis de prazo á empresa concesionaria das obras, que se viu afectada por atrasos na subministración de materiais

Campo de herba sintética da Xunqueira
Campo de herba sintética da Xunqueira / Concello de Pontevedra

Ata o 28 de febreiro terá de marxe a empresa Limonta Sport Ibérica para finalizar as obras de renovación do céspede sintético do campo de fútbol número 2 do Complexo Deportivo Manolo Barreiro, na Xunqueira.

A firma solicitou esta ampliación despois de verse afectada pola crise global de materias primas, pola que sufriu atrasos na recepción de materiais necesarios para acometer os traballos. Deste xeito, o prazo inicial que era de dous meses, pasará agora a ser de tres. 

Cun orzamento de 285.700 euros, os traballos comezaron o 29 de novembro, o que obrigou a recolocar noutras instalacións aos equipos da cidade que adestraban e disputaban competicións neste campo.

"O campo de fútbol Xunqueira II foi inaugurado en setembro de 2008 e debido ao tempo transcorrido, próximo aos doce anos, e ao seu intenso uso, ten esgotada a súa vida útil presentando na actualidade unhas condicións que fan necesario a súa substitución por outro de última xeración", explicou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, no momento do anuncio da obra.