O Club Cisne Balonmán entra de cheo no que quizais sexa o seu mes máis esixente da tempada.
Isto débese á carga de partidos que debe afrontar entre a liga da División de Honra Prata e a súa participación na Copa do Rei, ao que se suma a dificultade extra que supoñen os desprazamentos que deberá afrontar.
Durante o mes de outubro o equipo adestrado por Jabato só xogará un dos seus encontros na casa, no Pavillón Municipal dos Deportes. Será o día 21 fronte ao Agustinos Alicante.
Antes o vindeiro sábado 7 de outubro os pontevedreses visitarán na liga a cancha do Barça Atlètic, o mércores 11 xogarán a eliminatoria de Copa na pista do Alcobendas e o domingo 15 afrontarán de novo a domicilio o partido de liga fronte ao Caserio Ciudad Real. Tres viaxes en só oito días.
Ademais para pechar o mes o Cisne viaxará á pista do Zamora.
En total, tomando como referencia a distancia que recolle o servizo de Google Maps, estes desprazamentos supoñerán 2.938 quilómetros para o conxunto cisneísta, toda unha dificultade extra a un mes xa de seu moi esixente.