A tempada do Poio Pescamar está a ser ata a data de récord.
O conxunto conserveiro comezou o curso cun proxecto renovado e con Luís López-Tulla como encargado do banco da Seca, e a aposta polo momento non puido saír mellor.
Nas dez xornadas disputadas as vermellas sumaron 27 de 30 puntos posibles, con 9 vitorias e só unha derrota na segunda xornada fronte ao Futsi Atlético Navalcarnero, o que supón o mellor inicio da súa historia na máxima categoría, a agora denominada Primeira Federación Futsal.
Ademais o Poio Pescamar nunca encadeara, como agora, oito vitorias consecutivas, xeira positiva que segue aberta e que deixa atrás os sete encontros que se gañaron de maneira consecutiva na tempada 17/18.
O mellor de todo é que con este nivel de puntuación o equipo da Seca deu o paso de tutearse cos grandes equipos da liga, e ten o liderado a tiro. Só o Futsi Atlético supéralle en puntuación con 30 puntos, mentres que Burela ten 27 como o Poio a estas alturas de competición. Ademais a distancia co quinto posto é xa de 8 puntos, o que achega o principal obxectivo do club, o de meterse no play-off polo título de liga.
En canto a outros números, o Poio Pescamar está a destacar este curso pola súa solidez ofensiva con só 12 tantos encaixados, só superado polo líder (10 goles en contra), mentres que acumula 40 a favor como terceiro máximo realizador da categoría.
Unha xeira que o equipo adestrado por Luís-López Tulla tentará prolongar na recta final de ano, na que se medirá ao Ourense Envialia a domicilio (3 de decembro), Roldán na casa (10 de decembro) e Melilla fóra (17 de decembro).