O Club Galaico Sincro estivo presente estes días nunha dobre cita organizada pola Real Federación Española de Natación.
Por unha banda no Centro de Alto Rendemento-CAR de Sant Cugat del Vallés, en Barcelona, o xoven pontevedrés Iván González e a adestradora Diana Fernández participaron nunhas xornadas técnicas de natación artística para as categorías alevín e infantil.
Ademais das sesións de preparación Iván, que xa foi convocado en outubro para participar no Ranking 30 da Federación, gozou do premio de poder adestrar co dúo mixto da Selección Española Absoluta que forman Emma García, Judit Calvo e Dennis González, e tamén puido coñecer unha lenda como Gemma Mengual.
Doutra banda a representante máis internacional do Galaico Sincro, Daniela Suárez, participou do 5 ao 10 de decembro na concentración de preselección do equipo nacional júnior, que comeza a súa preparación coa vista posta nos grandes campionatos que se celebrarán en 2024 como o Europeo que se disputará en Malta e o Mundial previsto en Perú.