Un tramo final de ano para definir as aspiracións do Pontevedra

Pontevedra
06 de novembro 2018

Nas próximas sete xornadas os granates enfrontaranse a equipos da zona media e baixa da táboa, a excepción do Sanse (2º), con catro encontros en Pasarón que poden definir por que obxectivos loitará o equipo esta campaña

Partido entre Pontevedra e Salamanca CF en Pasarón Diego Torrado

O primeiro tramo da tempada resultou irregular para o Pontevedra, cun inicio con dúbidas e unha posterior reacción freada o pasado domingo que deixou aos granates en metade de táboa, novenos con 16 puntos.

Con todo as sensacións do equipo pontevedrés son de ir de menos a máis co paso das xornadas, impresión que agora deberán ratificar deixando atrás o tropezón de Guijuelo.

Para iso, Pasarón xogará un papel determinante nas próximas semanas, apoiado nun calendario que ata final de ano definirá as aspiracións reais dos de Luismi Areda, que agora están a 4 puntos do  play-off e a seis de distancia sobre a zona de perigo que marca o play-out pola permanencia.

Dos 7 encontros de liga que restan por xogar en 2018, 4 serán na casa, e ademais todos eles serán ante rivais da zona media ou baixa da clasificación a excepción do San Sebatián de los Reyes (2º).

O primeiro adversario será o Fabril (19º con 7 puntos), este domingo 11 de novembro en Pasarón, para despois visitar o Sanse e, por esta orde, xogar ante Coruxo (12º) na casa, Rápido de Bouzas (20º) fóra, Unión Adarve (8º) e Las Palmas B (11º) como locais e Atlético  B (13º) a domicilio antes de afrontar o parón de Nadal.

EDU SOUSA PON FIN Á SÚA SEGUNDA MELLOR SERIE SEN ENCAIXAR

Ante o Guijuelo, a pesar da derrota, viviuse un momento importante para o Pontevedra e sobre todo para Edu Sousa. O porteiro tudense converteuse no porteiro que máis tempo mantivo a portería granate a cero na Segunda División B, deixando a marca en 518 minutos e superando así ao francés Nico Bonís (505 minutos).

Non é con todo o mellor rexistro de Edu desde que xoga en Pasarón, xa que na tempada 2013-2014, en Terceira División, mantívose 585 minutos imbatido. Lonxe queda polo momento o récord conseguido por Francisco Rodríguez 'Paco' no curso 82-83, de 764 minutos sen encaixar un tanto.