Un triangular con acento portugués, única oportunidade para ver o Teucro na casa esta pretempada

Pontevedra
19 de agosto 2015

Os azuis enfróntanse este sábado aos equipos lusos do Avanca e Maia no Pavillón Municipal dos Deportes. O club pontevedrés solicita ademais adiantar o primeiro partido de liga para non coincidir coa Feira Franca

Carlos García-Alén, Anxos Riveiro e Javier Domínguez presentan o triangular
Carlos García-Alén, Anxos Riveiro e Javier Domínguez presentan o triangular / Mónica Patxot

A Asociación Artística Avanca e o Maia, ambos os dous equipos da liga portuguesa, serán os rivais da Sociedad Deportiva Teucro na única cita que os pontevedreses xogarán na casa durante a pretempada.

Os azuis será os anfitrions dun triangular este sábado a partir das 19:30 horas con entrada de balde para o público, que non poderán volver ver en directo aos seus, sen desprazarse, ata o debut ligueiro contra o Guadalajara.

Serán encontros de 40 minutos (20 por parte) empezando por un choque entre Teucro e Maia, campión da segunda división lusa a pasada campaña.

O segundo partido enfrontará aos dous equipos portugueses, mentres o que pechará a xornada enfrontará ao Teucro co Avanca, sexto clasificado da máxima categoría lusa.

O DEBUT NA LIGA, O VENRES 4 DE SETEMBRO

Por outro lado o Teucro confirmou que cursou unha solicitude a Asobal para adiantar un día o debut ligueiro coa idea de non coincidir coa celebración da Feira Franca.

Deste modo, en lugar do sábado 5 de setembro, a liga empezaría para os pontevedreses o venres 4 ás 20:45 horas ante o Balonmano Guadalajara.