Unai Silva saca o billete para o Mundial Junior de Taekwondo

Pontevedra
16 de marzo 2018

O deportista do Mace Sport de Pontevedra xogou a cara ou cruz a súa praza nun combate selectivo celebrado en Madrid. O pontevedrés únese así á marinense  Arlet Ortiz, que xa estaba clasificada para a cita que terá lugar en Tunes

Unai Silva e Tania Castiñeira
Unai Silva e Tania Castiñeira

O taekwondo pontevedrés estará ben representando no próximo Campionato do Mundo Junior en Tunes.

Á marinense Arlet Ortiz (-52 quilos), clasificada polos seus grandes resultados no Campionato de España da categoría referendados hai escasos días cun ouro no Open de Holanda, únese agora o pontevedrés Unai Silva (Mace  Sport).

Unai, que foi bronce no Nacional, xogou todo a unha carta nun combate selectivo celebrado este xoves no Centro de Alto Rendemento de Madrid. A súa medalla de prata en Holanda, competición clasificatoria, meteulle na pelexa pola praza mundialista no seu peso co canario Jesús Moreno, que vencera no Campionato de España.

En Madrid o deportista do Mace Sport venceu por 29-20 nun combate que comezou nivelado no primeiro asalto pero no que o pontevedrés terminou dominando para sacar o seu billete a Tunes.

"Ahora toca entrenar mucho y disfrutar del segundo Mundial que voy a disputar, con mucha ilusión", sinalou tras a preselección Unai Silva. 

O Campionato do Mundo Junior de Taekwondo terá lugar do 9 ao 13 de abril.