En plena fase de preparación e posta a punto, Javi Gómez Noya afronta o seu primeiro test da nova tempada participando nunha carreira de media distancia.
Tras disputar hai uns días unha proba por remudas en Bahrein xunto a Jan Frodeno e Danyela Ryf, o pentacampión mundial debutará esta campaña nunha proba individual no Half de Rotorua, Nova Zelandia.
Aproveitando que se atopa no país oceánico pasando o Nadal, Gómez Noya probará o seu estado de forma nunha carreira que se disputará este sábado 17 de decembro.
Terá que completar 2 quilómetros de natación, 90 de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé nun "circuito muy bonito pero duro", tal e como recoñeceu no seu perfil da rede social Twitter.
Serán os primeiros pasos dunha tempada na que, ademais de novos retos, volverá participar nas Series Mundiais de tríatlon con obxectivo de conseguir o seu sexto título, competición que arrincará o próximo mes de marzo en Abu Dhabi.